Terra de Montes
Asociación Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes
O topónimo Montes cítase por primeira vez na documentación histórica cara a mediados do século X para dar nome a unha extensa parroquia da diocese de Iria Flavia, que con posterioridade converterase, antes de 1177, nun arciprestadoo xa da diocese compostelá
Con anterioridade, a metade do seu territorio fora doada por raíña Dª Urraca, en 1115, á Igrexa de Santiago, e a outra metade, polo rei D. Fernando II, en 1176, completando a totalidade de “terra illa, qua dicitur Montes” (“daquela terra, que se denomina Montes”). Aparece así a denominación de Terra de Montes, ata ese momento de xurisdición do rei, de realengo e, desde as anteriores doazóns, xa de propiedade da Igrexa de Santiago, tendo como o seu señor aos arcebispos composteláns. Con todo, á súa xurisdición civil e criminal nos cotos de Folgoso, de Ventoxo e de Tomonde opúxose mediante demanda xudicial o abade do mosteiro de Carboeiro e, con posterioridade, o de San Martín Pinario (Santiago de Compostela). Tamén o abade do mosteiro de Aciveiro quereleouse, no seu caso, pola xurisdición das encomendas de Aciveiro (Aciveiro, Pereira, Dúas Igrexas, A Madanela de Montes, Beariz e coto de Vilar). Finalmente, nos últimos anos do século XVI e nos iniciais do seguinte, os arcebispos composteláns impuxeron a súa forza e poderío, exercendo en diante o goberno sobre a xurisdición de Montes, composta por 23 parroquias e polos lugares de Medelo, A Laxa, O Coto (Caroi), Bugarín (San Isidro de Montes) e Porto Martín (Zobra) (Mapa 1). Na esfera eclesiástica, o goberno arzobispal ampliábase ás 26 parroquias do arciprestado de Montes (Mapa 2).
A sede do poder señorial na época medieval era a fortaleza Castro de Terra de Montes, na actual parroquia de San Miguel de Presqueiras, que en 1366 era outorgada en préstamo a D. Fernando de Castro, ao que seguirán outros nobres na súa posesión en anos posteriores. Destruída pola Irmandade de Pontevedra na guerra dúas Irmandiños en 1466 e reconstruída polo arcebispo Alonso de Fonseca, finalmente será abandonada na década de 1590, con ocasión do traslado definitivo da residencia do xuíz merino, de nomeamento dos arcebispos composteláns, a Soutelo de Montes, onde a partir de agora celébranse as audiencias xudiciais e eríxense a forca, o rolo e a picota, para axustizar ou expoñer publicamente aos reos condenados.
O goberno arzobispal manterase en Soutelo de Montes ata o século XIX. Sucesivamente, en fases de goberno liberal, en 1811 e 1823, decretouse a abolición dos señoríos xurisdicionais, aínda que debe esperarse para a súa supresión definitiva ata 1837. Con anterioridade, sucedéronse diferentes proxectos de reforma do mapa territorial, ata a definitiva “Nova Planta dos Concellos Constitucionais desta provincia” de 1836, responsable ata hai poucos anos da división municipal de Terra de Montes. Neste ano, o seu territorio era divido en dous municipios, o de Forcarei e o de Cerdedo, no partido xudicial de Tabeirós e na provincia de Pontevedra, e o de Beariz, na de Ourense, por este outro: Neste ano, o seu territorio era divido en tres municipios, os de Forcarei e de Cerdedo, no partido xudicial de Tabeirós e na provincia de Pontevedra, e o de Beariz, na de Ourense.
Poucos cambios territoriais sucederon desde 1836. Entre os máis destacables está a integración en 1872 da parroquia de Castrelo no municipio de Forcarei, segregada do de Cerdedo, que viu compensada esta perda territorial coa agregación dos lugares de Bugarín e Cuíña. Mención á parte merecen as tentativas de fusión de ambos os municipios, como a solicitada na sesión da Deputación Provincial do 15 de maio de 1841 por veciños de Forcarei e de Cerdedo, coa capitalidade na parroquia de Santa María de Folgoso ou, pola contra, de segregación, como a promovida en 1843 por veciños das parroquias de Millerada, Ventoxo e outras para constituír un municipio propio ou, á súa vez, no mesmo ano polos de Quireza, Castro e Tomonde para formar un municipio independente do de Cerdedo, proxectos que fracasaron. Outros cambios municipais, en cambio, prosperaron, aínda que nun caso de forma temporal, como o acontecido en 1858, ano en que se sucedeu o cambio de denominación e de capitalidade do municipio de Forcarei, en favor de Soutelo de Montes. Durou tan só catro anos porque en 1862 Forcarei recuperaba de novo o nome e a capitalidade de municipio. Moi recente é a fusión dos municipios de Cerdedo e de Cotobade no de Cerdedo-Cotobade, aprobada polo Decreto 134/2016, de 22 de setiembre de 2016, publicado no DOGA de data 17 de outubro de 2016; no do día seguinte publicábase, á súa vez, a Orde de data 17 de outubro de 2016, pola que se designaba a Comisión Xestora do municipio Cerdedo-Cotobade, formado por vinte e unha parroquias e coa capitalidade no núcleo da Chan (Carballedo).
Transcrición: Rodríguez González, A., Las fortalezas de la Mitra compostelana y los “Irmandiños”. Pleito Tabera-Fonseca. Fundación “Pedro Barrié de la Maza Conde de Fenosa”, 1984, p. 252.
Comentarios recientes