Mosteiro de Aciveiro
Asociación Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes
O século XII é unha centuria que vai marcar a historia dos seguintes setecentos anos de Terra de Montes. En 1115 e en 1176, é doada respectivamente pola raíña Dª Urraca e o seu neto D. Fernando II á Igrexa de Santiago, cuxos arcebispos pasan a converterse ata comezos do século XIX nos seus señores xurisdicionais.
No intermedio, presumiblemente en 1135, aconteceu a fundación do mosteiro de Santa María de Aciveiro, cuxa igrexa é consagrada en 1170. Sen que teñamos certeza a ese respecto, cabe pensar nunha orixe eremítica ou benedictina da súa comunidade (“sub regula Santi Benedicti”), ata que finalmente, en 1225, afiliouse á orde do Císter.
Por estes anos, o mosteiro reunía xa un amplo patrimonio, composto por casais e terras, cotos xurisdicionais e igrexas, adquiridos grazas ás doazóns dos sucesivos reis leoneses e casteláns (Alfonso VII, Alfonso IX, Fernando III) e de benfeitores nobres, así como por compras e embargos. A comezos do século XVI, o dominio monástico estendíase xa por un amplo número de parroquias, concentradas na Terra de Montes, de Tabeirós, de Deza e Trasdeza e, en menor medida, na Terra de Orcellón, Ribadavia, Morrazo e proximidades de Pontevedra. No Ribeiro de Avia e en Petín, era propietario de granxas que os abastecían de viño, de onde era transportado polos seus colonos dás parroquias de Aciveiro e Pereira.
Convertida na institución rentista máis rica e na eclesiástica máis poderosa de Terra de Montes, nesta riqueza e poderío político estivo o xerme da súa prostración e decadencia na parte final do século XIV e no seguinte, porque, apetecidos os seus bens, rendas e vasalos, algúns nobres usurpaban, a título de encomenda, as facendas, cotos e igrexas do mosteiro. A cobiza e o absentismo dos abades comendatarios agravaban aínda máis esta situación, malgastando parte das súas rendas, malversando os bens monásticos, etc. A esta situación de penuria económica e de prostración relixiosa puxeron fin os Reis Católicos, apoiando a súa unión á Congregación de Regular Observancia de Castela, de forma que en 1506 era tamén unido ao Colexio de Salamanca, perdendo a dignidade abacial, que recuperou de novo en 1761.
Iniciábase unha nova fase, de reforma da vida conventual e de observancia da regra, pero tamén de recuperación económica, co consecuente incremento das súas rendas e ingresos en diñeiro, que permitiu nos séculos seguintes manter a unha comunidade cada vez máis numerosa –en 1591, os monxes eran sete; en 1787, dezaoito-e financiar en distintos períodos (finais do século XVI; tras o incendio de 1649; 1758-1767; 1799-1803 e 1809-1823) as obras de ampliación ou de reconstrución da fábrica monástica. O mosteiro de Aciveiro recuperaba de novo o seu papel protagonista en Terra de Montes. Os curas das freguesías de Beariz, Magdalena de Montes, Forcarei, Dúas Igrexas e Meavía eran de presentación do seu abade; era tamén o señor das encomendas e coto de Aciveiro (parroquias de Aciveiro, Pereira, Dúas Igrexas, A Madanela de Montes, Beariz e coto de Vilar) e, finalmente, percibía rendas de colonos e foreiros de todas as parroquias de Montes e décimos dos veciños das freguesías de Aciveiro, Beariz, Pereira e Magdalena de Montes.
Esta situación de bonanza económica, certamente interrumpida por algunhas fases intermedias de dificultades (anos finais do século XVII), perdurou ata a década de 1770. A continuación, os seus balances económicos van empeorando conforme pasan os anos, pero, a pesar de iso, os gastos, sobre todo os extraordinarios, non paran de incrementarse. Entre 1799 e 1803 o mosteiro tivo que financiar as obras das dependencias do Colexio de Teoloxía Moral; poucos anos despois, a partir de 1809, en que é arrasado e incendiado polas tropas invasoras francesas, ata 1823 tivo que reconstruír gran parte do edificio, coa adversidade que durante o Trienio Liberal (1820-1823) a súa comunidade é exclaustrada e os seus ingresos deixados de percibir. Era o preludio dunha morte anunciada, que finalmente aconteceu en 1835, como consecuencia do Decreto de supresión dos mosteiros das ordes monacais, complementado ao ano seguinte polo da venda dos seus bens raíces. A comunidade aciveirense, formada por oito monxes, abandonaba definitivamente a casa e poñíase así fin a sete séculos de poder, riqueza e privilexios.
Nos cento cincuenta anos seguintes, o abandono e a rapina levaron a ruína ao edificio monástico ata que finalmente, en 1993, iniciáronse, promovidas pola Asociación Amigos do mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes, fundada en 1974, as obras de restauración e de acondicionamento do antigo edificio monástico e dos seus anexos, concluídas no ano 2000. Dous anos antes, en 1998, acordárase a súa dedicación a uso turístico, hostaleiro, que aínda perdura na actualidade.
Fundación do mosteiro de Aciveiro
1135
Consagración da igrexa
1170
Primeira doazón rexia documentada (Alfonso IX)
1193
Posible afiliación ao Císter
1225
Gonzalo das Penas, abade do mosteiro
1429/1430-1475
Anexión á Congregación de Observancia do Císter e unión ao Colexio de Salamanca
1505
Preito contra o Arcebispo de Santiago de C. pola xurisdición das encomendas de Aciveiro.
1557
Obras de remodelación da fábrica románica do mosteiro.
1586
Incendio do mosteiro
1649
Realización e colocación do retablo barroco na Capela Maior
1749
Obras de remodelación do mosteiro (fachada, claustro, sala abacial, etc.)
1758/1767
Recuperación da dignidade abacial, perdida en 1505.
1761
Colexio de Teoloxía Moral
1777/1809
Obras das dependencias do Colexio de Teoloxía Moral
1799/1803
Incendio do mosteiro polas tropas francesas
1809
Obras de reconstrucción do mosteiro
1809/1823
Primeira supresión e exclaustración da comunidade.
1820/1823
Supresión das órdenes monacais e exclaustración da comunidade.
1835
Cruceiro do maestro local, Antonio Ferreiro
1893
Declaración de Monumento Histórico Artístico
1931
Fundación da Asociación Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes
1974
Obras de restauración do antigo edificio monástico.
1993/2000
Dedicación hosteleira (Hospedería San Gonzalo das Penas)
2000/2017
O MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE ACIVEIRO (1135-1835): IGREXA E MOSTEIRO.
A IGREXA
Os mosteiros benedictinos adoitaban presentar idéntica disposición espacial, caracterizada pola simbiose igrexa-claustro, normalmente contiguo á parede meridional do templo, como no caso de Aciveiro.
A igrexa, consagrada en 1170 segundo unha das inscricións localizada na actualidade no seu muro sur, non foi finalizada, con todo, ata fins do século XII ou comezos do XIII, por tanto poucos anos antes da afiliación ao Císter, en 1225. Por esta razón, a decoración dos capiteis, dos arcos de apoio, das xanelas exteriores, etc, é variada e rica e algúns dos seus arcos tenden a apuntarse. Finalmente, no exterior, os beirados das ábsidas seguen un modelo, que se está difundindo en 1170, de influencia dos edificios protogóticos.
A igrexa, tanto en planta como en alzado, desmárcase da arte románica cisterciense e copia a influencia dos modelos composteláns, agora en plena difusión por territorio galego. A planta, en consecuencia, é basilical, con tres naves terminadas nas súas respectivas ábsidas, pentagonal a central e semicirculares as laterais. No proxecto inicial, prevíase a súa cuberta con bóveda de canón e de medio canón respectivamente, pero ao final dispúxose un teitume único de madeira a dobre vertente, oculta polo artesonado colocado en 1769. Ao eliminalo en 1970, quedou ao descuberto o falso triforio, moi pouco frecuente nas igrexas rurais, organizado como unha galería que alterna cinco arcos xeminados e seccións de muros, neste caso repousando sobre piares, cuxos capiteis están decorados con motivos vexetais, animais e xeométricos variados.
A capela maior está cuberta por unha bóveda estrelada do século XVI, cuxas claves están decoradas con diferentes motivos, entre eles, as insignias abaciais de Aciveiro (“brazo con manga de cugula, sostendo o báculo abacial na súa man, dúas flores de lis ao seu lado, abaixo mitra e dados). Está presidida por un gran retablo barroco dourado e policromado (1749), que lembra aos numerosos retablos rurais de influencia compostelá. Estruturado en tres corpos, os dous inferiores divididos en tres rúas e o superior en forma de ático semicircular, nas hornacinas laterais contémplanse distintas esculturas de busto redondo, que responden á iconografía propia do Cister (San Pedro, San Pablo, San Bieito e San Bernardo). Os retablos das capelas laterais, de San Bieito e de San Bernardo, son xa posteriores, realizados en 1785. Nas súas naves, que teñen distancias diferentes entre as columnas e a parede respectiva na zona da cabeceira e na traseira, consérvanse dous sartegos, un dos cales gardaría os restos, segundo versións non axeitadamente probadas, ben do primeiro abade Pedro, ben do máis “glorioso”, San Gonzalo dás Penas (+ c. 1475).
A fachada exterior, que conclúe nunha sinxela espadana do século XIX, data do século XVI, tras a substitución da orixinal románica pola construída tras a unión do mosteiro á Congregación de Castela (1505), representada polo seu escudo. No atrio, levántase un cruceiro (1893), obra do mestre de cantería local, José Ferreiro.

FONTE: Rodríguez Fraiz, A., O mosteiro de Aciveiro. Terra de Montes. Servizo de Publicacións Excma. Deputación de Pontevedra, Ponmtevedra, 2005, p. 132.
O MOSTEIRO
Non se conserva noticia nin documentación algunha sobre o comezo e a finalización das obras da casa monástica. As tres intervencións arqueolóxicas, realizadas en 1991, 1997 e 2001, tampouco achegaron novas evidencias, pois as estruturas e os materiais arqueolóxicos máis antigos -cerámica, moedas, dous esqueletos humanos, varias laudas gremiais- son datados no século XV.
Cabe pensar que o mosteiro foise construíndo á vez que a igrexa, situándose, contiguo á súa parede sur, o claustro, e ao redor do mesmo as distintas dependencias e salas. Agora ben, ao longo da época moderna foron obxecto de remodelacións e mesmo cambiaron de localización. Deixando ao carón as posibles reformas do século XV, a renovación arquitectónica, nuns casos voluntaria e noutros forzada polos acontecementos, realizouse en cinco fases. Das dúas iniciais, descoñecemos a súa duración. Na primeira, acontecida nos decenios finais do século XVI, a fisonomía do mosteiro debeu cambiar substancialmente, ao substituír o claustro e as estancias medievais por outras modernas e o dormitorio común por celas individuais. Da segunda fase, sábese que seguiu ao incendio de 1649, que, entre outras dependencias, destruíu a biblioteca, pero descoñécese cómo se realizou a reconstrución e a qué partes afectou. En cambio, dispóñense destas informacións para as tres fases posteriores dos séculos XVIII e XIX. Na primeira delas (1758-1767), a renovación arquitectónica foi sustantiva. O claustro foi remodelado nos anos finais da década de 1750; de forma rectangular e de pequeno tamaño, nos seus muros, de cachotes labrados, dispóñense pilastras cuadrangulares de dobre altura. Seguiulle a remodelación da sala abacial (1758) e da fachada da portería (1761), á que se accedía por un pórtico de estilo clásico, cuberto de bóveda de canón; a cociña (1763), cuberta cunha bóveda de aresta e dotada dunha cheminea con fogar, campá e tiro de pedra de máis de dez metros. Tamén se reformou o refectorio e construíronse tres novas celas e dúas paneiras para trigo e centeo. Finalmente, nos últimos anos desta fase refíxose a corte dos cabalos, de planta rectangular, cuberta de bóveda de canón e con oito pesebres escavados nos muros, e o forno (1767).
Por conseguinte, a fábrica da casa monástica renovouse de forma radical. Pasados algúns anos, o traslado do Colexio de Teoloxía Moral obrigou de novo a realizar obras, neste caso, de ampliación, entre 1799 e 1803, alongándose o á oriental e facendo reformas na fachada meridional. O incendio e a destrución causada en 1809 polas tropas francesas invasoras supuxeron un novo esforzo de reconstrución, nunha época de penuria económica e de descenso das rendas e ingresos. Talvez por esta razón, as obras prolongáronse ata 1823; en todo caso o esforzo, foi pouco duradeiro, porque 1835, tras a supresión dos mosteiros das ordes monacais, os monxes abandonaron a casa de Aciveiro. Durante o posteriores cento cincuenta anos, a ruína e a destrución avanzaron co tempo, ata que finalmente en 1993 deuse inicio ás obras de reconstrución, concluídas no 2000.

FONTE: Rodríguez Fraiz, A., O mosteiro de Aciveiro. Terra de Montes. Servizo de Publicacións Excma. Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2005, p. 132.
Comentarios recientes