Coafor Sociedade Cooperativa Galega inicia a súa actividade como cooperativa no ano 1.992. Antes desta data, os gandeiros do concello de Forcarei estabamos agrupados en torno a unha asociación que se conformaba por explotacións exclusivamente do noso concello. Logo de case tres décadas de traballo continuado, a inmensa maioría de gandeiros de Forcarei son socios da cooperativa. A nosa forma de traballar, de dar soporte e apoio aos gandeiros, permitiu que na actualidade Coafor se expandise aos concellos limítrofes da Estrada e Silleda onde conta xa cun importante número de socios e explotacións.
O éxito de Coafor vén da súa propia idiosincrasia que se basa na defensa dos intereses dos gandeiros aos que agrupa. Deste modo Coafor tén como obxectivo a realización de todo tipo de operacións encamiñadas a mellorar o aproveitamento das explotacións dos seus socios, a mellora da súa renda e da súa calidade de vida. Deste modo, a fortaleza dunha organización como Coafor, é un piar fundamental no progreso socioeconómico e medioambiental do concello de Forcarei; dado que permite que o sector agropecuario continúe sendo un motor económico importante no noso concello, que posibilite a instalación de novas explotacións e fixe poboación, ademais da importante labor que os gandeiros fan na preservación e coidado do noso territorio en termos medioambientais.
Como organización dinámica e democrática, fomentamos a participación a homes e mulleres nos órganos de dirección de Coafor para que entre todos poidamos manter esta plataforma viva e fresca. Froito destes procesos, recentemente renovamos o noso Consello Reitor que está conformado por 8 gandeiros que preside na actualidade Eligio García Rodríguez.
Comentarios recientes