Slide toggle

Archivos: Eventos

VISITA GUIADA

Todos os sábados e domingos ás 13h, agás coincidencia con cerimonia litúrxica, efectuarase unha visita guiada á igrexa de Santa Maria de Aciveiro.

EXPOSICIÓN MARCAS NA PEDRA

Queda aberta ao público a Exposición MARCAS NA PEDRA. Pode visitarse os sábados de domingos de 11 a 13 e de 17 a 19 horas. Entrada de balde. Lugar: Sala de Exposicións Mosteiro de Aciveiro.

 

ACIVEIRO. IX SÉCULOS DE HISTORIA

 

Inauguración da exposición Parcelas interiores de Basilisa Fiestras, sala de exposicións Mosteiro de Aciveiro

O vindeiro sábado, día 7 de  setembro, ás 12:30 H., será inaugurada na Sala de Exposicións do Mosteiro de Aciveiro a exposición  Parcelas Interiores de Basilisa Fiestras.

 Permanecerá aberta ao público dende o día 8 de setembro ata o 20 de outubro.

APERTURA: SÁBADO, DOMINGO E FESTIVOS

HORARIO: 11:00-13:30H.   17:00-19:30H.

VISITAS GUIADAS TERCEIRO DOMINGO DE MES, DENDE MAIO ATA OUTUBRO

CADA TERCEIRO DOMINGO DE MES, DENDE MAIO ATA OUTUBRO, REALIZARANSE, A CARGO DE MANUEL VILLAVERDE OU CAMILO FERNÁNDEZ CORTIZO,   VISITAS GUIADAS POLA IGREXA E O RECINTO MONÁSTICO.

HORA: 17: 00

Inauguración das exposicións “A arte nas postais antigas: vidas en imaxes e en tinta (Colección Xosé María Barreiro Gómez) e “Obra en madeira” de Vicente Cortizo Blanco

O vindeiro domingo, día 4 de  agosto, ás 12:30 H., será inaugurada, na Sala de Exposicións do Mosteiro de Aciveiro (Forcarei) a exposición “A arte nas postais antigas: vidas en imaxes e en tinta” (Colección Xosé María Barreiro Gómez) e “Obra en madeira” de Vicente Cortizo Blanco, organizada pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes.

 

 

O acto será precedido dunha visita guiada á igrexa e ao recinto monástico que comezará ás 11:30 H..

 

 

 

A exposición, de acceso libre, permanecerá aberta ao público dende o mesmo día 4 de agosto ata o 31 do mesmo mes, sábados, domingos e festivos, en horario de 11:00 a 13:30 H. e de 17:00 a 19:30 H.

Día Internacional do Patrimonio Mundial Cultural e Material

Día Internacional do Patrimonio Mundial Cultural e Material

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes pretende celebrar o Día Internacional do Patrimonio Mundial Cultural e Material o próximo día 17 de novembro ás 17:00 horas cunha visita guiada e comentada polas instalacións do conxunto monástico, igrexa e mosteiro que, ao longo de VII séculos (1135-1835), foi o maior expoñente cultural destas terras. Dita visita vai dirixida, non só aos veciños/as de Aciveiro e Terra de Montes, senón a todas aquelas persoas que desexen acompañarnos neste percorrido histórico.

¡Esperamos a súa asistencia!

Exposición Xosé María Barreiro

Exposición Xosé María Barreiro. Obra Gráfica / Xosé Antonio Lalín.

Exposición Xosé María Barreiro. Obra Gráfica / Xosé Antonio Lalín Forxa, na Sala de Exposicións do Mosteiro de Aciveiro (Forcarei).

 

O vindeiro sábado, día 8 de  setembro, ás 11:30 H., será inaugurada, na Sala de Exposicións do Mosteiro de Aciveiro (Forcarei) a Exposición Xosé María Barreiro. Obra Gráfica / Xosé Antonio Lalín.  Forxa, organizada pola Asociación de Amigos  do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes e coordinada, na súa condición de Comisario, por Manuel Villaverde Doval.

 

Exposición Xosé María Barreiro

 

O acto contará coa participación de ambos artistas, nacidos no concello de Forcarei. O primeiro deles, pintor e escultor, a mostra reúne 20  serigrafías; o segundo, mestre  forxador, un total de sete pezas en metal.

 

Permanecerá aberta, desde o 8 de setembro ata o 14 de outubro, venres, sábado e domingo, de 10:00 H. a 13:00 H. e de 16:30 H. a 19:00 H.

 

Exposición Xosé María Barreiro

Día das Letras Galegas: Rita Barreiro Ferreira

BIOGRAFÍA E RELATO DE RITA BARREIRO FERREIRA

(1966 – Forcarei)

Rita Barreiro Ferreira naceu en 1966 no lugar de  Sorribas (Forcarei), onde transcorre a súa infancia e os primeiros anos da súa adolescencia entre a escola, os xogos, os traballos domésticos, as lembranzas das súas irmás ausentes, etc., cuxo vivo recordo reaparece constantemente nos seus relatos. De familia de mulleres emigrantes a Suíza, aínda moza trasládase a este país, retornando en 1983 a Forcarei. No seu Instituto de Formación Profesional retoma os estudos cursando o Ciclo Formativo de Oficina,  Mecanografía e Contabilidade; anos máis tarde, obtén o título de Bacharelato no IES San Clemente de Santiago de Compostela, Funcionaria interina desde 1985 e de carreira desde 1992 na Xunta de Galicia, a súa gran afición é a creación literaria.

Autora, desde 2007, de un total de oito relatos, varios deles foron galardoados con sucesivos premios no Concurso Literario IES San Clemente (Santiago de Compostela) e publicados en diferentes números da Revista Cotaredo (Concello de Forcarei):

  1. A maxia dun aturuxo (2007): 2º Premio. Cotaredo, 2007.
  2. Dúas maletas con sobredose de heroína (2008): 2º Premio. Cotaredo. 2008
  3. Unha sega antes de tempo. Carta aberta a Hugo Jesús (2009). Cotaredo, 2009.
  4. A raíña das crisálidas (2011). Cotaredo, 2011
  5. A escada máxica (2012): 2º premio

6 O nariz de “Patch” (2013): 1º premio

  1. Flores no estrume (2014): 1º premio
  2. En carne viva (2015).

 

A ESCADA MÁXICA

(2º Premio Concurso Literario IES San Clemente 2012)

A miña infancia trascorría na aldea entre longos invernos, a carón da lareira mentres estudaba a tabla de multiplicar, agasallos de Reis que nunca pedín e que sempre envexei dos que conseguían unha Nancy, un  Exin Castillos ou un lote de Juegos reunidos Geyper. Entre tarefas domésticas que me facían torcer o fociño e tantos domingos de xaxún matinal que, logo de asistir á catequese, comulgar na misa e xantar coa familia, ofrecíanme estupendas tardes ociosas para xogar ou ollar a televisión, ó quentiño.

A primavera deixaba entrar polas fiestras o canto do cuco e incitaba ás treboadas para que descargasen toda a súa esencia. Un milagre que facía estourar a natureza enchendo os campos de papoulas e margaridas.

As flores das maceiras, das cerdeiras, das ameixeiras…agromaban competindo en aroma e beleza.  As hortas ateigadas de repolos, leitugas, tomates… tornábanse nun efémero festival de cores que engaiolaban exércitos enteiros de famentos okupas.

O verán traíanos ós pequenos a completa felicidade. A noite de san Xoán, sen sardiñadas nin churrascadas, marcábanos a fronteira entre os nosos dereitos e as nosas obrigas, sempre que estas últimas fosen cumpridas ó longo do ano.

As tarefas escolares desaparecían, de súpeto, do noso pensamento. Mesmo procurábamos que os libros quedasen fóra da nosa vista durante aquel período estival.

Polas mañás adicabámonos a facer os recados e a “botar unha man” nos labores do campo, como ir buscar auga fresca durante as segas ou coidar dos irmáns pequenos.

Polas tardes, logo de xantar e por mandato imperativo, tocaba durmir a sesta. E aínda que para os nosos país supoñía un pequeno respiro, para nós significaba estarricarse nun poldro de tortura .Aqueles sesenta minutos facendo barullo polo baixiño, dando mil voltas na cama e soportando a calor….¡Vaia perda de tempo!.

En canto nos levantaban o toque de queda perdíamos o mínimo de tempo en calzármonos para saír disparados, escaleiras abaixo, porque nos agardaba o mellor da xornada…. A nosa cita diaria con Paquito d’Amede.

Paquito era o meu veciño. Un raparigo en plena adolescencia ó que lle gustaba inventar xogos para os nenos da aldea.

O pobriño do rapaz con tal de escafulir das “batalliñas” que de cotío lle contaba o seu avó,  que o obrigaban a botar moitas tardes sentado ó seu carón na eira da casa, adoitaba refuxiarse no alpendre para espremer os miolos.

E, de tanto espremer, nunha daquelas tardes de abafante calor sorprendeunos a todos cun sinxelo aparello, a simple vista nada doutro mundo,  pero realmente marabilloso para dar renda solta ó noso maxín.

Tratábase dunha escada de madeira,  duns catro metros de longo, á que lle atou o estremo dunha corda no primeiro chanzo, logo pasouna por enriba dunha viga do alpendre e volveuna atar no derradeiro.

Deste xeito a escada convertérase nunha randeeira xigante; nunha especie de vagón con capacidade para dez pasaxeiros sentados, por parellas en cada paso.

Antes de subir ó tren, Paquito mergullábase no seu rol de revisor e íanos sentando segundo o noso peso corporal: os primeiros en rematar eran os pasaxeiros do centro do vagón, porque así mantíñase a escada nivelada, e Paquito arranxaba o problema baixándonos ó seu antollo de xeito que os últimos sempre eran os dos estremos.

As viaxes duraban escasos minutos porque eramos mais tropa da que podía soportar o remolque en cada quenda. Pero as tardes eran o suficientemente longas como para permitirnos subir un mínimo de tres ou catro veces.

Totalmente alleos ás leis físicas que dominaban o invento e, unha vez preparados para iniciar a viaxe, os cativos poñiamos a traballar o maxín…Tan so era preciso que aquel tren se puxese en movemento, randeando adiante a atrás cada vez con mais forza grazas ós impulsos de Paquito, que agora tornárase nun experto maquinista.

A ignorancia alimentada pola nosa curta idade impediu desprazarnos ata grandes lugares ou cidades.A maioría dos viaxeiros non saíran nunca da aldea, agás a alguna feira das vilas veciñas e pouco mais.

Eu tiven mais sorte que os meus compañeiros de viaxe, grazas á vantaxe que supoñía pasar unha boa parte das vacacións cos meus tíos, pretiño do mar.  Xa levaba dous anos disfrutando de semellante privilexio, así que, a un par de segundos da saída do tren, eu xa me atopaba camiño de Xubia-Narón.

Quería revivir momentos inesquecibles na casa da tía María. Quería volver con ela á praia da Frouxeira, en Valdoviño, para construir castelos de area e comer tortilla á sombra dos piñeiros. Quería rencontrarme cos meus curmáns Julio, Manolito e Paco, que se desvivían por me mimar ata a saciedade;  con Regina, María del Mar, Pili, María José e Pepito…, os amiguiños cos que tantas tardes de xogos e liortas compartín.

Agora vou sentada no colo da miña tía polas rúas de Ferrol. Pasamos por unha praza onde hai unha fonte que bota auga de cores e que me enfeitiza de pés a cabeza. A través dela diviso un exército de pombas que invaden a estatua dun home montado nun cabalo. O son dunha bucina fainas fuxir desencadeando semellante balbordo que me obriga a espetar a cara contra o pescozo da miña tía.

Os meus ollos non dan creto diante do espectáculo de rúas ateigadas de escaparates, que me embruxan os sentidos….¡Larpeiradas, pasteis e doces de mil cores e sabores!…¡¡Cantas teles xuntas!! “¡¡Mira..mira… tía María, mira qué bonecas!!”… “¡¡¡Tía María,canto me gustan eses zapatos!!!”…

De súpeto, atópome camiño de volta cara a miña aldea, sentada na parte traseira do “R-10” do tío Adolfo. A viaxe faise longa por unha estrada castigada de fochancas que me provocan mareos e vómitos, polo que facemos unha breve parada en Pontedeume.

¡Por fin estou na casa!. Meus país recíbenme sorrintes e desexosos de abrazar e bicar a súa meniña. Eu non perdo o tempo e amósolles ilusionada os meus novos zapatiños de charón.

“ ¡¡¡Piiiiiiiiii… piiiiiiiiiiii…!!! “¡¡¡Última estaciooooon…!!!”.

Aqueles sons procedentes da gorxa de Paquito desfacían o embruxo e transportábannos ó presente.

Xa mergullados na realidade e con fortes doses de curiosidade, todos deveciamos por saber das viaxes dos outros:

Eu fun ata A Estrada e lapei tres xeados de fresa”, contou Celia.

“Eu estiven na tenda de Xonxa e empachei de “Phoskitos”, dixo Toño.

“Pois  eu collinlle o tractor a Pepe do leite, Saínme na curva do Cobo e escagalleino contra o cuartel da Garda Civil” …áespetou o fillo do mecánico.

Todas aquelas aventuras pasaban pola nosa cabeza nun tempo record, sobre unha vella escada de madeira case que engulida pola couza, así que, con rotundidade, podo afirmar que na miña aldea, a principios da década dos 70…¡Xa viaxábamos no AVE!.

Quen lle ía dicir a Paquito d’Amede que, emulando a  Julio Verne como visionario de extraordinario talento,  e corenta anos despois de artellar no alboio aquel marabilloso invento, éste converteríase nunha das obras de enxeñería máis cobizadas do presente.

Logo de incontables desprazamentos a través dos nosos desexos e ilusións, os derradeiros días do verán facíanse máis curtos.

Unha fresca e lixeira brisa coábase furtivamente polas fendas das ventás, estendendo a súa alfombra vermella para darlle a benvida ó outono das vendimas, magostos e matanzas.  Para despoxarlle as vestimentas ós veteranos caducifolios e obrigalos, sen chisca de compaixón, a caer espidos nos brazos de Morfeo.

Un outono que, sempre fiel á cita anual de facernos torcer o fociño, chegaba para “agasallarnos” coas rutineiras obrigas de deitarnos cedo, de gardar as viaxes na lacena do noso maxín, de sacudir o sono e de recuperar o material escolar.

 

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2012.

Rita Barreiro Ferreira

Día Das Letras Galegas: Xose X. Otero Espasandín

XOSÉ  ROXELIO OTERO ESPASANDÍN

VIDA E OBRA

XOSÉ  ROXELIO OTERO ESPASANDÍN (1900 Cerdedo)

Xosé  R. Otero Espasandín comparte, con centos de galegos e, en particular, cun notable número de intelectuais, algúns dos cales serán os seus amigos,  unha “odisea  tráxica” (Ferreiro Fente, 2001, 711-712; Ferreiro Fente, 2006, 28) iniciada en 1939, a dun exiliado máis, republicano e galeguista. En cambio, a súa biografía profesional e a súa obra literaria son xa persoais. Mestre e misioneiro pedagóxico por vocación e soldado por obrigación, foi tamén escritor en lingua castelá e galega, poeta, ensaísta, articulista en xornais e revistas e finalmente, por necesidade, para sobrevivir, autor de obras de divulgación científica, tradutor e editor. Exilio e Literatura marcaron decisivamente, en definitiva, a vida e a obra do noso coterráneo, que agora recordamos.

Naceu, no seo dunha familia de labregos, en 1900 na aldea de Castro  Domedio (Sta.  Baia de Castro-Cerdedo), onde transcorreu a súa infancia e os primeiros anos da súa adolescencia entre a  escola, os xogos, as correrías polos lugares da contorna e  os traballos agrícolas, que manterá no seu recordo e na súa pluma en varios dos seus poemas e dos seus escritos en prosa.  Aos catorce anos abandona por primeira vez o seu Castro natal e dá comezo unha historia “viaxeira” que, nuns casos por vocación e inquietude profesional, noutros polas circunstancias da guerra e pola necesidade de sobrevivir, afástanlle de Galicia, á que non retornará despois de 1935.

En 1914 trasládase a Santiago de Compostela para cursar estudos, grazas ao apoio dun tío crego, na Escola Normal de Maxisterio, obtendo finalmente o título de mestre aos dezanove anos, en 1920. Ao seguinte,  por mor da derrota española de  Annual, é mobilizado como soldado do Batallón Expedicionario do Rexemento de Zaragoza e destinado a Melilla, ás montañas do  Rif. Alí coñece e traba amizade con outros intelectuais galegos, entre eles Rafael Dieste, Amado Carballo e  Xose María Brea Segade; ao seu lado, empeza a xurdir o Otero Espasandín “miliciano da cultura” (Ferreiro Fente, 2006, 15).

Retornado de África en 1923, aos poucos meses é contratado como mestre na escola do Pósito de Pescadores de Ribeira e, así mesmo, como profesor de matemáticas no colexio privado Ave María. A estancia de seis anos na vila arousá vai ser rica persoal e literariamente.  Coincide de novo con Rafael Dieste e engade á súa nómina de amigos a Manuel Antonio, Manuel Fernández  Sendón, Xosé e Manuel Castelao e frecuenta a veciña casa de Valle-Inclán. Así mesmo, establece contacto con outros moitos intelectuais galegos da época,  con Enrique Fernández  Sendón,  R. Martínez López, D. Garcia Sabell,  J.  Bal y Gay, Carlos Maside,  J.  Rof Carballo, etc.  Destes asiduos contactos naceu en Otero Espasandín “un  singular compromiso co país, esquerdista no político e vangardista no estético” (Pereira, 2015, 132).  Literariamente, a estancia en  Riveira coincide tamén coas primeiras colaboracións, a partir de 1923 e, sobre todo, de 1924-1925 en diferentes xornais vigueses, neste caso en lingua castelá, e con certa posterioridade, a partir de 1926, tamén en lingua galega.

Pasados seis anos, en 1929, as súas inquietudes intelectuais e o  desexo de promoción profesional encamíñanlle  a Madrid para ampliar estudos na Escola Superior de Maxisterio e mellorar os seus coñecementos de matemáticas e filosofía nas aulas da Universidade Central. Para subsistir, traballa no Museo de Ciencias e tamén imparte clases de matemáticas, unha das súas grandes afeccións,  na Academia Plurilingüe Internacional, de cuxo claustro formaba parte a mestra Alicia Ortiz, coa cal contraerá matrimonio civil en 1934 e terá, no Nadal do mesmo ano,  unha nena e  un neno, que morrerá aos poucos días.

Instalado en Madrid, participa asiduamente nos faladoiros literarios no Café das Flores, ao redor de Eduardo Dieste, e no café La Granja do  Henar, neste caso coa presenza de D. Ramón del Valle-Inclán. Foi precisamente nestes anos finais da Ditadura de Primo de Rivera, cando Otero Espasandín asumeu unha “empeñada defensa do idioma galego”, pero a partir de 1931 a loita pola súa revalorización pasa xa a unha posición secundaria por comparación coa “redención económica  do  povo”. Nestes anos milita  nun “nacionalismo  cívico”e “nada  dogmático”, pero moi crítico “co galeguismo dos maiores” (Pereira, 2015, 133 e 135-136), colaborando con relativa frecuencia con artigos sobre temas políticos na revista Nueva España, á beira doutros intelectuais galegos, como E. Fernández  Sendón,  J.  Bal y Gay,  C. Maside, etc. (García López, 2009, 674). No entanto, a partir de 1934 o compromiso “galleguista” tampouco parece ter a forza de antes, aínda que ao ano seguinte, Otero, do mesmo xeito que outros intelectuais galegos residentes en Madrid, asinaron un manifesto a prol  do Estatuto de Autonomía (Pereira, 2015, 140).

Pero, Otero Espasandín de ningún modo esquécese do seu Castro natal, retornando todos os anos no verán ou en Nadal. En 1933, durante a II República, aproveita o seu tempo para ensinar a nenos e adultos na aínda sen concluír “Casa  do  Pobo” de Castro, financiada pola Sociedade de Agricultores e Canteiros e, así mesmo, para percorrer os montes dos arredores ao achado de mámoas, castros, petróglifos, etc.  Agora ben,  máis destacable foi a súa activa participación neste ano, en concreto no seu segundo semestre, nas Misións Pedagóxicas, percorrendo en compañía doutros tres “misioneiros”, entre eles o seu entrañable amigo Rafael Dieste, 28 localidades galegas, onde organizaban actividades e actos culturais varios (museo de arte ambulante, proxeccións de cinema, música en  gramófono, servizo de biblioteca, teatro, representacións de  monicreques). Entre outros beneficios da nova experiencia, un deles consistiu na doazón de  bibliotecas con seccións para nenos e adultos e de material escolar a trece escolas da Terra de Montes (Pereira, 2015, 138).

Ocupado no verán de 1934 de novo en misións pedagóxicas por pobos das provincias de Burgos e de Palencia, retornará  ao ano seguinte a Galicia, responsabilizándose da dirección da misión realizada no local do Pósito de Pescadores de O Pindo. Será a despedida da súa patria, porque xamais regresará.

De volta en Madrid, sucédese o alzamento franquista en xullo de 1936 e, leal á República, ao momento Otero Espasandín incorpórase, con Rafael Dieste,  Alberti,  León Felipe e outros máis, á Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura, permanecendo na capital ata febreiro de 1938, en que é destinado a Barcelona. En concreto é posto ao cargo da Quinta Sección do Consello Nacional da Infancia Evacuada ( CNIE), responsable do persoal e da orientación pedagóxica das Colonias Escolares. Finaliza a guerra en  Olot, nunha oficina do corpo de aviación, desde onde marcha ao exilio, atravesando a fronteira a comezos de febreiro de 1939 por Figueres, como gran parte do Exército do Leste. Internado no campo de concentración de  Saint-Cyprien, a diferenza de miles de compatriotas, é liberado aos quince días grazas ás xestións da Alianza de Intelectuais Franceses. Embarca nos días finais do mesmo mes cara a Inglaterra, reclamado pola súa cuñada Elena, funcionaria da embaixada republicana, onde xa residía a súa muller, profesora de español nun colexio, e filla desde outubro, en concreto na localidade  Norwich. Segundo relata  a mesma nunha carta, Otero Espasandín chegou  fraco, envellecido e  aterradoramente falto de memoria e de concentración (Ferreiro Fente, 2006, 30).

Tendo prohibido o exercicio de calquera profesión remunerada, a situación familiar deteriórase progresivamente; os ingresos son insuficientes e, para máis desgrazas, a súa muller enferma. As súas peticións de axuda aos seus amigos son cada vez máis  apremiantes e  patéticas, de modo que, en palabras súas, “a situación é calamitosa”, sobre todo a partir do seu traslado forzoso a Londres (Ferreiro Fente, 2006,  31-32). Do outro lado do Atlántico, os seus amigos exiliados en Arxentina tratan de buscar unha solución, que chega en forma dun contrato de traballo fixo conseguido por Rafael Dieste e o consecuente permiso de inmigración para entrar  neste país, onde chega a totalidade da familia, en concreto, a Buenos Aires, en marzo de 1941. En Arxentina permanecerán durante seis anos, ata 1947; será de novo un período de apuros económicos e de xornadas de traballo interminables porque, non autorizado a exercer como profesor, a familia sobrevive grazas ao emprego na Editorial  Atlántida, da que Rafael Dieste era director literario e tamén promotor dunha nova colección de divulgación científica, a Colección Oro. Nos primeiros anos da mesma, ata 1945, Otero Espasandín convértese no  seu autor máis prolífico, redactando un total de 35 libros de temática moi diversa (bioloxía, zooloxía, astronomía, historia, mitoloxía, etc.), labor que comparte coa tradución de obras do inglés ao español.

Aos seus 48 anos, a pesar de estar rodeado de entrañables amigos, de “verdadeiros irmáns”, entre eles Rafael Dieste, Amado Carballo, M. Colmeiro,  L. Seoane,  perdida a confianza de exercer a docencia e tamén de retornar a Galicia e contrariado polos desacordos coa Editorial  Atlántida e coa subida ao poder en 1946 do xeneral  Perón, decide marchar de Arxentina, como así fai en 1947 con destino a Estados Unidos e, máis en concreto, á localidade de  Waynesburg (Pennsylvania) (Ferreiro Fente, 2006, 36; García López, 2010, 1067) . No seu Instituto de ensino secundario, á fronte do Departamento de Español, volve, tras moitos anos, a dar clases como profesor de lingua e literatura españolas. Pero non é esta a súa residencia definitiva; a finais de 1953 a familia trasládase a  Bethesda, nas proximidades de Washington, onde se gaña a vida como editor e tradutor de español no boletín da Organización Panamericana da Saúde,  dependente da Organización Mundial da Saúde; con posterioridade, a partir de 1965, retornará á docencia como profesor de español na Escola de Graduados do Departamento de Agricultura ata a súa xubilación definitiva en 1972. Nos anos seguintes, tras a morte da súa esposa en 1977, compaxina a súa residencia en  EUA con viaxes a distintas cidades europeas, entre elas Lisboa,  pero en ningunha ocasión mostrou intención de volver a Galicia. Morrerá en 1987 en Washington, tras cincuenta e dous anos ausente do seu Castro natal.

 

A OBRA.

A obra de Otero Espasandín está escrita nas linguas castelá e galega; componse de poemas e de textos en prosa –artigos, prólogos, ensaios, monografías, etc.- sobre temáticas diferentes. Por outra banda, a súa produción literaria é pouca extensa – se non se contan as obras de divulgación da etapa arxentina-  e con períodos de varios anos sen composicións, por causa da Guerra civil e, a continuación, do longo exilio, sempre necesitado de ingresos  para sobrevivir, que lle deixan pouco tempo para a creación literaria. Así llo confesaba en 1972  ao seu amigo Luís Seoane: “Pola miña banda, hai moito tempo que non escribo unha letra miña. Traballei e sigo traballando moito para facer fronte á pura necesidade. Leo todo o que podo, pero non moito” (Ferreiro Fente, 2006, 41).

A súa obra, tanto en verso como en prosa, tanto en castelán como en galego, áchase dispersa en diversos xornais e revistas e tamén nas súas cartas, sen que, ao longo da  súa vida, publique un libro de poemas. É un escritor  por tanto, de obra “minifundista” e dispersa; en definitiva “sen libro”, aínda que non faltaron proxectos, finalmente fracasados. O primeiro deles consistiu en reunir os seus poemas en galego nun libro, Alfabeto, que non se chegou a publicar, ao parecer polo estalido da Guerra Civil en 1936, aínda que os poemas foron entregados a Fermín Bouza Brey para a súa publicación na revista  Nós  e, mesmo, algúns deles o foron nesta e noutras revistas (Ferreiro Fente, 2006, 22). O segundo proxecto de publicación dun libro, posterior no tempo, tamén fracasou, a pesar do compromiso adquirido por Otero Espasandín con Luís Seoane e de que así llo comunicase  nunha carta, datada en xaneiro de 1954, a Francisco Fernández del Riego, aínda que xa advirte que neste momento os poemas compostos eran insuficientes (Ferreiro Fente, 2006, 22). En consecuencia, non todas as historias de literatura galega, nin dicionarios de escritores ou antoloxías de poesía   rexistran o seu nome e a súa obra; no caso de X.  L. Méndez Ferrín (1984, 35),  o adscribe á Xeración do 25.

En estudos recentes, cuxos autores comparten a labor de recompilación da súa obra dispersa, coa súa análise e interpretación, a cuestión do  vanguardismo de Otero Espasandín suscita certo debate, pois mentres algúns sinalan que pode ser considerado como un dos intelectuais máis representativos das vangardas poéticas de  preguerra en Galicia (García López, 2009, 667), outros matizan que, ao altura dos anos 1940, abandonara “o matizado  vangardismo estético de a  cabalo entre os anos  vinte e  trinta” (Pereira, 2015, 143), cando non  afirman que  a vangarda na súa obra está presente “puntualmente, en mínimas doses” (Ferreiro  Fente, 2006, 27). No seu tempo, V. Risco cualificaba ao noso autor e ao seu amigo Rafael Dieste como “os  máis  enrebechados  avangardistas”  entre os poetas galegos da época.

A obra literaria do noso autor iníciase en 1923, con colaboracións poéticas en xornais e revistas galegas; en concreto, neste ano no Faro de Vigo publicábase o seu poema Acuarela. Seguiranlle ata xaneiro de 1925 dezaseis composicións máis.  Contemporáneamente, tamén apareceron poemas e artigos noutros xornais, en Galicia. Diario de Vigo e en El Pueblo Gallego. No primeiro deles, en 1925, dábanse a coñecer sete poemas en castelán; unha ano antes, en leste mesmo diario, Otero Espasandín colaboraba cun texto, tamén en castelán, sobre temas culturais e políticos (García López, 2009, 668; 2010, 1068). Finalmente, en 1926 publicábase o seu primeiro poema en galego. Desde este ano ata 1985, as composicións poéticas nesta lingua recompiladas suman en total vinte e dous, con importantes lagoas sen produción; á súa vez, os seus escritos en prosa, tamén entre 1926 e 1982, catorce. Algúns destas creacións  tiveron acollida en revistas e  xornais das comunidades galegas en América; no Eco de Galicia (A Habana), na Alma Galega (Montevideo) e en  Céltiga (Bos Aires).

Considerada a súa produción literaria en lingua galega pódese afirmar que a etapa transcorrida entre 1925 e 1933 é a máis prolífica; a Guerra Civil e, a continuación, o longo exilio interromperon a súa carreira.  En todo caso, nos seus anos de estancia en Arxentina, boa parte da obra de Otero Espasandín é froito da necesitade, de  reunir suficientes  ingresos para a subsistencia familiar. En consecuencia, entre 1941 e 1947 desenvolve un labor enciclopédico ao servizo da Colección de divulgación científica, a Colección Oro. Obras de temática moi diferente (bioloxía, zooloxía, xeografía, astronomía, historia e civilizacións, mitoloxía)  foron redactadas por Otero  Espasandín a un ritmo trepidante entre 1942 e 1943, sumando en total trinta e unha, máis cinco traducións de  monografías do inglés ao español. Compaxinaba esta tarefa de subsistencia coa publicación de artigos, ensaios e notas editoriais en diferentes revistas e xornais (Pensamiento Español, La Nación, Sur, Alfar, etc)  e nos respectivos voceiros da Federación de Sociedades  Gallegas de Buenos Aires e do Centro Gallego de Buenos Aires (Ferreiro Fente, 2006, 35; Ferreiro Fente, 2001, 717-719; García López, 2010, 1067). En concreto, para o Correo Literario redactou “unha maxistral serie de vinte e catro artigos sobres as aves” nos que o seu autor “amósase como un ecoloxista avant la lettre, inzado de coñecementos nas ciencias naturais” (Pereira, 2015, 143).

A etapa en Estados Unidos, a partir de 1947, supuxo un certo parón na súa obra. Os poemas que compón nos primeiros anos responderon á solicitude de Francisco Fernández del Riego, que proxectaba a edición dunha Antoloxía de poesía galega, con inclusión de poemas de Otero Espasandín. En efecto, envíalle seis poemas, cinco deles compostos xa en Estados Unidos, que se incorporaron finalmente á  Antoloxía de poesía  galega. Nalgúns deles –Pico de  Castrodiz, Pontes  do Lérez, tinguidos dun  paisaxismo emocional, volve no recordo, xa que non pode facelo fisicamente, a Terra de Montes, a lugares ( Castrodiz,  Conla e  Baúca;  pontes do Lérez, etc.), a sons  queridos (as campás de Cerdedo, de  Quireza, tenorio; a auga dos  muiños, o canto do merlo, etc.), á natureza (fror dás  ameixeiras,  pontes vestidas de  liques,  xaramagos, a brancura das neves de febreiro). Afastado de Galicia, aos seus versos asoma unha esperanza, moi difícil de cumprirse, de retorno en vida e mesmo tras a morte. Así, o poema Pontes do Lérez conclúe cos versos

¡Quezáis un día, pontes da miña infancia,

Volva a escoitar o merlo á vosa veira!…

e, a súa vez, Pico de Castrodiz, cos seguintes:

Pídoche, Castrodiz, dende esta terra

envellecida nova, metro e medio

de chan para cando morra (…)

Tras 1953 imponse un longo silencio, só roto nos primeiros anos da década de 1980, con ocasión da morte do seu amigo Rafael Dieste. Á súa memoria, dedica en 1982  o  Pranto in memoriam de Rafael Dieste, seguido dunha  Apoloxía, pero a súa homenaxe particular pecharase dous anos máis tarde, en 1984, con Cuentos que me contó Dieste, a súa última obra.

En definitiva, aínda sendo a obra en  galego de Otero Espasandín non moi extensa, falta de continuidade temporal e dispersa en diferentes publicacións, en conxunto a súa produción literaria presenta unha diversidade idiomática (castelán e galego) e de xénero  reseñable. Poeta, o noso autor foi tamén articulista, ensaísta, autor de obras de divulgación científica e de historia, tradutor e editor. Por esta razón, R. Otero  Pedrayo, nun das súas viaxes a Buenos Aires, en 1947, cualificaba a súa obra de colosal, sinalando que “vai a ser dificultoso o estabricimento da compreta bibliografía de Otero Espasandín, como il non a deixe feita” (Ferreiro Fente, 2006, 36).

 

Máis información en:

Cuquejo Enríquez, Mª (eda.), Xosé Otero Espasandín. Obra galega. Santiago, Xunta de Galicia, 2006.

Díaz-Fierros Viqueira, F., “José Otero Espasandín (1900-1987). Un divulgador científico español en la Argentina”, en Arbor, 193 (2017).

Fernández del Riego, F., Escolma da poesía galega. IV: Os contemporáneos. Vigo, Galaxia, 1955.

Fernández del Riego, F., “Otero Espasandín, Xosé Roxelio”, en Diccionario de escritores en lingua galega. Sada – A Coruña, Ediciós do Castro, 1990, pp. 305-306.

Ferreiro Fente, G., “A mirada de Ulises. Xosé Otero Espasandín: literatura e exilo.”, en Actas do Congreso Internacional “O exilio galego”. Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2001, pp. 711-728.

Ferreiro Fente, G., “Obra”, en Cuquejo Enríquez, Mª (ed.), Xosé Otero Espasandín. Obra galega. Santiago, Xunta de Galicia, 2006, pp. 19-41.

García López, J. A., “Colaboraciones poéticas de Otero Espasandín en el Faro de Vigo (1923-1925)”, en Cifuentes, J. L. et al. (eds.), Los caminos de la Lengua. Estudios en homenaje a Enrique Alcaraz Varó. Publicaciones de la Univsersidad de Alicante, Alicante, 2010, pp. 1065-1082.

García López, J. A., “La obra dispersa de Otero espasandín na prensa galega (1924-1931)”, en Rodríguez Ferr, C. et al. (eds.), Literatura hispánica y prensa periódica (1875-1931). Universidade de Santiago de Compostela, 2009, pp. 667-676.

Loureiro Rodríguez, C., Dicionario de Escritores de Tabeirós-Terra de Montes. A Estrada, fervenza, 2004, pp. 77-78.

Méndez Ferrín, X. L., De Pondal a Novaneyra. Vigo, Xerais, 1984.

Pereira, D., “José Ferreiro Espasandín”, en Baliñas Fernández, C. A. (coord.), O Val de Quireza. Un recanto da provincia de Pontevedra. Deputación nde Pontevedra, Pontevedra, 2015, pp. 126-148.

LIÑA CRONOLÓXICA:

1900: nace en Sta.  Baia de Castro (Cerdedo)

1914-1919: estudos de Maxisterio en Santiago de Compostela

1921-1923: servizo militar en Melilla

1923-1929: mestre do Depósito de Pescadores de  Riveira

1923-1925. primeiros escritos en verso e en prosa en lingua castelá

1926: primeira composición en lingua galega

1929: traslado a Madrid (Escola Superior de Maxisterio) e profesor de matemáticas

1934: matrimonio con Alicia Ortiz

1935: última estancia en Galicia

1936-1939: Guerra civil (Madrid; Barcelona)

1939: exilio en Francia

1939-1941: exilio en Inglaterra

1941-1947: exilio en Arxentina

1947-1997: exilio en Estados Unidos de América

1984: Contos que me contou Dieste, a súa última obra

1987: morre en Washington

 

ESCOLMA:

Selecciónanse catro textos, representativos da súa obra en verso en prosa, dos cales os tres primeiros vinculan ao autor á Terra de Montes. O último, relativo á revalorización e a dignificación da nosa lingua, xustifícase pola celebración do Día dás Letras Galegas.

Os textos están tomados de Cuquejo Enríquez, Mª (eda.), Xosé Otero Espasandín. Obra galega. Santiago, Xunta de Galicia, 2006.

  1. Pico de Castrodiz, pp. 78-79
  2. Pontes do Lérez, pp. 87-89
  3. As promesas galegas: a nosa escola, pp. 124-126
  4. Reivindicacions galegas.

INFORMACIÓN DE INTERESE…

(fai clic enriba de cada nome para acceder á información)